Thursday 09 de May de 2024

O PSOE de Ordes insta ao Concello a destinar 180.000 € do Plan Complementario POS+2019 ao centro sociocomunitario Isabel Zendal


 

O PSOE de Ordes insta ao Goberno municipal ordense a destinar 180.000 euros do próximo Plan Complementario POS+2019 da Deputación da Coruña ao centro sociocomunitario Isabel Zendal, actualmente en construción. “Estamos falando do 25% do orzamento do proxecto do centro sociocomunitario Isabel Zendal, a mesma cantidade que o Concello de Ordes solicitara o ano pasado antes do inicio das obras”, explica Alejandro Manteiga, voceiro municipal dos socialistas de Ordes.

O PSOE de Ordes lembra que dende que o socialista Valentín González Formoso preside a Deputación da Coruña, o criterio de reparto de fondos foi modificado, pasando dun reparto específico a outro no que os Concellos teñen máis potestade de usar estes fondos baixo o seu propio criterio. “O Concello de Ordes vai recibir 494.981,33 euros do Plan Complementario POS+ 2019, polo que entendemos que os 180.000 euros que solicitaba hai seis meses teñen perfecta cabida nesta achega”, apunta Alejandro Manteiga.

Os socialistas de Ordes lembran que o Concello de Ordes recibiu na actual lexislatura 6.762.249,33 euros da Deputación da Coruña, fronte aos 3.184.065,56 euros achegados polo anterior goberno do Partido Popular. “Estamos falando dun incremento de máis do 112%, o que demostra o compromiso da Deputación Provincial con Ordes. Agora só resta que o Concello sexa coherente e aproveite estes fondos adicionais para o centro sociocomunitario Isabel Zendal, tal e como solicitaba a finais de 2018”.

Proxecto

O centro Isabel Zendal comezou a construírse en novembro do ano pasado. Conta cun orzamento de 720.000 euros, asumido con fondos da Xunta de Galicia e do Concello de Ordes. Meses antes da colocación da primeira pedra, o Concello de Ordes solicitara da Deputación da Coruña unha achega extraordinaria de 180.000 euros, equivalente ao 25% do importe do proxecto.

Manteiga considera que este centro “será unha obra beneficiosa para a veciñanza e, ademais, levará o nome de Isabel Zendal, figura por cuxo recoñecemento levamos loitando varios anos os socialistas de Ordes e para quen temos solicitado a concesión da Medalla de Galicia”.